INICIAR SESIÓN

CHARLA MOTIVACIONAL DO PROGRAMA DE EMPRENDEMENTO DA FUNDACIÓN REPSOL

O pasado mércores 3 de outubro, tivo lugar no noso instituto, a charla motivacional na que se presentou o Programa de Emprendemento da Fundación Repsol.

Dito programa é unha iniciativa da Fundación Repsol en colaboración co Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) que ten por obxectivo  fomentar a cultura emprendedora a través dun modelo de traballo no que participan alumnos de FP, profesores e voluntarios Repsol.

Este proxecto levarase a cabo ao longo do primeiro e segundo trimestre, e desenvólvese en cinco fases, nas que, a través de talleres de formación dinámicos e prácticos, descubrirase como emprender un proxecto, a partires da metodoloxía "aprender facendo"

Ao final da charla, os alumnos interesados en participar no programa apuntáronse nunhas fichas que lles facilitaron os poñentes, o noso alumno de 2º de Próteses Dentais, Wesley Pereira da Silva foi entrevistado e comentou o interesante e útil que lle pareceu a charla. Ademais para participar na primeira fase, o Hackaton, deben inscribirse na seguinte ligazón ata o 18 de outubro:

https://www.fundacionrepsol.com/es/formulario/emprendimiento-fp

Os relatores do acto foron Iván Dobarro e Pablo Campos, ambos cunha dilatada experiencia profesional:

Pablo Campos

A experiencia profesional de Pablo pasa por empresas como Google, Peugeot-Citroën ou Telefónica Internacional, onde tivo diferentes responsabilidades. O desenvolvemento de negocio e as operacións son os dous piares nos que desenvolveu a súa carreira.

Apaixonado polo ecosistema emprendedor, dirixiu as operacións de Quobis cando aínda estaban en fase Startup. Actualmente é mentor en Wayra, poñente habitual en citas como 3DS, Vindeira, ViaVigo, Yuzz ou a entrepreneurshipweek.

Profesor no máster en innovación industrial da Universidade de Vigo, compaxina a súa dedicación profesional entre a docencia, un proxecto relacionado cos futuros coches conectados e posiblemente unha próxima nova aventura emprendedora.

Iván Dobarro

Iván formouse en Administración de Empresas na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose posteriormente en Dirección e Tecnoloxía Empresarial pola Universidade Camilo José Cela de Madrid.

A súa traxectoria profesional pasa, de xeito reiterado, polo emprendemento, tanto con proxectos propios como a través do asesoramento, fundando 2 sociedades, a primeira aos seus 18 anos. O seu último proxecto céntrase no desenvolvemento de negocio dunha Startup Compostelá ligada á seguridade alimentaria.

Iván recibiu diversos premios en relación ao seu traballo emprendedor, é un apaixonado da tecnoloxía, do emprendemento e da innovación, o que lle permitiu exercer de poñente en Yuzz e na Universidade de Santiago en diversas ocasións.

Actualmente coordina o departamento de I+D nun grupo empresarial galego de consultoría e negocios B2B.

Imaxes da charla