INICIAR SESIÓN

marina

Este programa é unha acción que se desenvolve directamente nos centros educativos e consiste en achegar a realidade emprendedora a eles coa presenza activa nun acto formativo de persoal técnico do IGAPE e dunha persoa emprendedora que dea a coñecer ao alumnado a súa experiencia persoal, como ferramenta que lle permita afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo e o sentido crítico.

O acto formativo tivo lugar o pasado martes, 7 de febreiro, no salón de actos do noso centro. O técnico do IGAPE, foi D. Enrique José Gómez Fernández, quen interveu en primeiro lugar e introduzo a idea ou o concepto de emprender e de emprendedor, e que utilizou o símil do deporte, do adestramento, falou de “facer quentamento” para explicar a necesidade de constancia e perseveranza para poder acadar os obxectivos ou metas.

A continuación, a nosa emprendedora, Marina González Vidal, técnica superior en Educación Infantil e exalumna do instituto explicou a súa experiencia como emprendedora, falou de que foi o que lle impulsou a emprender, explicou en que consiste o seu proxecto empresarial no que leva un ano: “Naidedía”, alternativa ás escolas infantís tradicionais, ela coida no seu domicilio a uns nenos pequenos, 0 – 3 anos, polo que ofrece un servizo máis directo e personalizado, con máis agarimo e nun ambiente máis confortable. Tamén contou anécdotas, como fixo o estudo de mercado, como buscou a posible normativa reguladora, e as fontes de financiamento, que ao final foron os seus aforros, explicou as trabas e problemas que atopou no camiño.

O seu relatorio, nun estilo directo e claro, amosou a súa ilusión polo seu proxecto, o seu ánimo, e o pracer que lle proporciona traballar naquilo que lle gusta, loitar polo seu sono, e por iso, espertou o interese do alumnado, especialmente o pertencente ao Ciclo Superior de Educación Infantil

Ao remate da súa intervención abriuse un turno de preguntas do alumnado aos relatores.